Margaret Mead

antropóloga estadounidense

Margaret Mead, nada en Filadelfia o 16 de decembro de 1901 e finada en Nova York o 15 de novembro de 1978, foi unha antropóloga pertencente á tradición norteamericana da antropoloxía cultural. Acadou sona entre as décadas de 1960 e 1970 e coas súas aparicións como autora e oradora nos medios de comunicación de masas popularizou o coñecemento da antropoloxía na cultura occidental.[1] Graduouse no Barnard College de Nova York e doutorouse pola Universidade de Columbia.

Infotaula de personaMargaret Mead

(1948) Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento 16 de decembro de 1901 Editar o valor em Wikidata
Filadelfia, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte 15 de novembro de 1978 Editar o valor em Wikidata (76 anos)
Nova York, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Causa da morte Morte natural Editar o valor em Wikidata (Cancro de páncreas Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepultura Trinity Episcopal Church Cemetery (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidade Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Relixión Igrexa Anglicana Editar o valor em Wikidata
Educación Universidade de Columbia - Doutor en filosofía (–1929)
DePauw University (en) Traducir
Barnard College (pt) Traducir
Solebury School (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Director de tese Ruth Benedict e Franz Boas Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballo Antropoloxía cultural, volkerpsychologie (en) Traducir, antropologia das emoções (pt) Traducir e etnoloxía Editar o valor em Wikidata
Ocupación Antropóloga
Empregador Universidade de Columbia
Universidade de Rhode Island (pt) Traducir
Museo Americano de Historia Natural Editar o valor em Wikidata
Membro de
Xénero artístico Poesía Editar o valor em Wikidata
Lingua Lingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Compañeiro profesional Gregory Bateson (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Doutorando Scott Atran (pt) Traducir e Nancy Bowers (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Familia
Cónxuxe Luther Cressman (1923-28)
Reo Fortune (1928-35)
Gregory Bateson (1936-50)
Parella Ruth Benedict Editar o valor em Wikidata
Fillos Mary Catherine Bateson (1939)
Pais Edward Sherwood Mead (en) Traducir Editar o valor em Wikidata  e Emily Fogg (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios

IMDB: nm0574907 Musicbrainz: e30c257c-e38f-4d94-b6a5-01e56ec45480 Songkick: 4746433 Discogs: 3776211 WikiTree: Mead-2862 Find a Grave: 701 Editar o valor em Wikidata

As súas achegas foron transcendentais para o eido antropolóxico[2]: os seus estudos detallando as actitudes de cara ao sexo nas culturas tradicionais do sur do Pacífico e o sueste asiático convertérona en precursora no emprego do concepto de “xénero” e influenciaron a revolución sexual da década de 1960; tamén, foi defensora dunha ampliación dos costumes sexuais no contexto dunha vida occidental tradicional e relixiosa.

Biografía editar

Margaret Mead naceu en Filadelfia o 16 de decembro de 1901. Foi a primeira de catro irmáns, e naceu no seo dunha familia de pais adiñeirados e de gran riqueza cultural. Medrou nun ambiente no que o seu pai, profesor de economía na Universidade de Pennsylvania, e a súa nai, profesional da socioloxía (Fernández, 2004), provocaron na nena, xa dende pequena, o interese polas ciencias sociais. Quen máis incitou a moza a comezar a súa carreira profesional nesta liña sería a súa avoa paterna, unha muller á que ela consideraba moi competente.

A antropóloga comezou os seus estudos no Colexio Barnard, unha escola exclusiva para mulleres que estaba afiliada á Universidade de Columbia. A autora cursou o maior número de materias en Psicoloxía, unha carreira á que lle prestara especial interese dende a súa nenez. Pouco despois, Mead comezou o seu doutoramento en antropoloxía na Universidade de Columbia; onde coñeceu a quen serían as súas futuras inspiracións en canto á súa dedicación no estudo de campo: Franz Boas e Ruth Benedict.

A pensadora herdou de F. Boas o relativismo cultural. A autora fixo fincapé nel, sinalando a aprendizaxe que se podía obter a través do estudo doutras sociedades. A pensadora apoiaba a diversidade cultural coma un recurso, e nunca como un inconveniente (Admin, L., 2022) Neste contexto, Mead decidiu viaxar a diferentes sociedades para corroborar a súa tese; onde compararía varias culturas consideradas “primitivas” coa súa cultura nativa, a norteamericana. Así, permaneceu en Samoa en 1925 e, máis tarde, nas Illas do Almirantado entre 1928 e 1929. Foi entón cando se decata de que as súas suposicións eran certas e, polo tanto, decidiu divulgalas. Desta etapa destacan as súas obras: Coming of age in Samoa. A psycological study of primitive youth for Western Civilisation (Facéndose maior en Samoa. Un estudo psicolóxico da xuventude primitiva para a civilización universal) do ano 1928; Growing up in New Guinea. A comparative study of Primitive Education (Crecendo en Nova Guinea. Un estudo comparativo sobre a educación primitiva) do ano 1930 e Social Organization of Manu´a (A organización social de Manu´a), do mesmo ano[3].

En relación ás obras citadas, supoñen un complexo e completo estudo acerca da relación entre a psicoloxía e a personalidade individual dos condicionamentos e pautas impostas polo marco cultural de cada tradición (Fernández, 2004). Deste modo, ademais de expoñer a súa postura, a autora realizaría unha serie de críticas cara ás teses do sociólogo Lucien Lévy-Bruhl sobre a mentalidade prelóxica dos pobos “primitivos”, así como á tese do doutor Sigmund Freud sobre a estreita relación entre a mentalidade primitiva e a infantil.

Tras anos de estudo, doutorouse en antropoloxía no ano 1929 na Universidade de Columbia; conseguindo no ano 1954, un posto no mesmo centro como profesora adxunta de antropoloxía. No ano 1926, unirase ao Museo Americano de Historia Natural, en Nova York, como, por unha banda, asistente do director e, por outra, como directora de etnoloxía dende 1946 ata 1969. Ademais das súas leccións impartidas na Universidade de Columbia, Mead colaborou con outras universidades de prestixio tales como a Universidade de Nova York, a Universidade Emory, a Universidade Yale e a Universidade de Cincinnati. Ademais fundou o departamento de antropoloxía na Universidade de Fordham.

En canto á vida persoal, o ano 1922 a estudante coñece a unha das persoas que máis transcendería ao longo da súa carreira como antropóloga; a profesora Ruth Benedict, con quen tería unha moi estreita e lonxeva relación durante o resto da súa vida. Este é un aspecto destacable a ter en conta posto que, tal e como deixou plasmado en numerables das súas obras, Mead foi recoñecida polas súas teses activistas, moi comprometidas co feminismo e os dereitos humanos. Así, defendía o amor libre e a súa liberdade sexual con frecuencia. Deste modo, non dubidou en demostralo ao longo da súa vida. Mead era declaradamente bisexual, tendo ao longo da súa vida dúas relacións lésbicas de larga duración; tal cuestión, en varias ocasións, ocasionoulle situacións incómodas cos seus amantes, de modo que estes trataban, en van, de ignorala e arruinarlle a súa carreira como antropóloga de éxito.

Estivo casada tres veces; primeiro co arqueólogo pensilvano Luther Cressman e, máis tarde, con dous dos seus compañeiros de profesión: Reo Fortune e Gregory Bateson. Nesta etapa, Mead escribiu Sex and temperament in three primitive societies (O sexo e o temperamento en tres sociedades primitivas), do ano 1935, Cooperation and competition among primitive peoples (Cooperación e competición entre os pobos primitivos), do ano 1937 e Balinese character. A Photographic analysis (O carácter balinés: unha análise fotográfica), de 1942.

Bateson e Mead coñecéronse durante a súa viaxe a Nova Guinea, entre os anos 1931 e 1933 e con el tería a súa única filla, Mary Catherine Bateson, tamén antropóloga. A súa neta, Sevanne Margaret Kassarjian, é unha actual actriz de teatro e televisión que traballa baixo o nome de Sevanne Martin.

Precursora do concepto de "xénero" editar

O termo “xénero”, na actualidade, fai referencia ao conxunto de características e significados socialmente atribuídos ás diferenzas sexuais (roles, comportamentos, capacidades, sentimentos, etc.) mediante os que se constrúe a masculinidade e a feminidade como categorías diferenciadas e se clasifica as persoas como homes ou mulleres; estas atribucións presentan unha gran variabilidade cultural e histórica, sendo relativas e arbitrarias. Así, o concepto de “xénero” supón a impugnación do determinismo biolóxico: establece unha diferenza entre unha base natural, o sexo, e a elaboración cultural desa mesma base, o xénero, en tanto que as diferenzas entre a masculinidade e a feminidade non brotan da bioloxía.

Non foi ata os anos 70-80 que se comezou a falar de xénero tal e coma o entendemos a día de hoxe; con todo, este concepto estaba xa implícito nas achegas de moitas pensadoras da teoría feminista, tanto do eido filosófico, principalmente con Simone de Beauvoir, coma do antropolóxico, no que se atopa Margaret Mead. Mead é considerada coma unha das pioneiras do concepto de xénero, por acharse este implícito na maioría das súas obras. A autora realizou etnografías e análises transculturais das relacións de xénero (antropoloxía de xénero); a antropoloxía conta coas ferramentas necesarias para desmontar teorías androcéntricas para mostrar a diversidade e variabilidade cultural e “desnaturalizar o propio” e, tamén, para analizar e deconstruír as relación de poder desde o feminismo.

Onde se pode apreciar con maior claridade a aparición deste concepto na obra de Mead, é na publicación de Sexo e temperamento en tres sociedades primitivas (1935). Este libro é unha recompilación das experiencias e conclusións ás que chega tras o traballo de campo realizado en Papúa Nova Guinea, onde estudou e analizou o comportamento de tres tribos. Mead foi quen de realizar unha observación precisa e innovadora, tarefa que nos seus tempos non era doada debido á interiorización dos prexuízos existentes, polo que isto outorgou máis valor ás súas percepcións. Así, advertiu que na tribo dos Arapesh os homes e as mulleres comparten un comportamento que asimilariamos ao feminino; que na dos Mundugumor homes e mulleres comparten un comportamento “masculino”; por último, que nos Tchambuli homes e mulleres teñen un comportamento diferenciado pero invertido. Cara ao final da obra, chega á seguinte conclusión: “(…) ya no disponemos de base firme para considerar tales aspectos de conduta como algo propio del sexo (…)” (Mead, p. 308).

Entón, deste xeito, Margaret Mead pasou a falar de “mentalidade” e de “personalidade” e a refutar o bioloxicismo: Mead afirmou que as diferenzas biolóxicas entre sexos non son determinantes para o funcionamento social, senón que é o proceso socializador e a educación o que o determinan. É por isto que Mead pertence á escola “cultura e personalidade” da antropoloxía cultural dos EEUU[4].2 Tamén na obra Adolescencia, sexo y cultura en Samoa a autora trata abertamente a cuestión da sexualidade, moi relacionada co concepto de “xénero” e de grande importancia polas súas implicacións na teoría feminista. Así, Mead foi pioneira ao poñer de manifesto o descubrimento do sexo e do valor dos papeis sociais.

Principais estudos antropolóxicos editar

Maioría de idade en Samoa (1928) editar

Margaret Mead, tras finalizar o seu estudo sobre a adolescencia en Samoa, estuda as relacións entre temperamento, cultura e roles sexuais.

Este estudo comezou no ano 1925, cando pasou oito meses na illa de Ta'ū investigando a 49 adolescentes samoanas de entre 12 e 20 anos, dando froito, grazas a toda a información obtida, á súa primeira monografía Adolescencia e cultura en Samoa (1928).

Mead considera que a personalidade dos individuos adultos é froito directo da súa educación na etapa de nenez e, ademais, que a experiencia da adolescencia varía entre as diversas culturas; así, mentres que o tránsito entre a infancia e a idade adulta nas culturas occidentais é problemática e turbulenta, a adolescencia que Margaret Mead observou entre os samoanos tratábase dun tránsito tranquilo, relaxado, tolerante.

A autora considerou que isto se debía na súa totalidade aos diversos factores socioculturais, até o punto de concluír o seu libro cunha serie de reformas na sociedade estadounidense co fin de reducir os problemas da adolescencia, como promover actitudes tolerantes cara á sexualidade, relaxar o control da familia nuclear sobre os adolescentes e reformar o sistema educativo para que facilitase as eleccións vitais da xente máis nova.[5] O seu libro tivo tal éxito que, cando regresou ao Pacífico a comezos dos anos 30 para continuar coas súas investigacións de campo, esta xa era considerada como unha antropóloga con experiencia etnográfica, inquietudes teóricas e un estilo de escritura ensaiado con éxito.

Os diversos datos descubertos por Mead ao longo deste estudo suxiren que a comunidade ignora tanto os nenos como as nenas ata que teñen entre 15 e 16 anos. Antes de chegar a esta idade, os individuos non contan cunha posición social na comunidade. Mead descobre tamén unha nova visión do matrimonio, sendo este considerado como unha solución social e económica na que se ten en conta, polo tanto, a riqueza, o rango e as habilidades laborais do esposo e da esposa.

Sexo e temperamento en tres sociedades primitivas (1935) editar

Nesta investigación desenvolvida en Nova Guinea, Margaret Mead pregúntase: Hai diferenzas nos comportamentos de homes e mulleres en todas as culturas?, A causa destas diferenzas é biolóxica ou máis ben cultural?, Que relacións existen entre sexo, temperamento e conduta culturalmente esperada? A súa resposta a estas preguntas foi influenciada pola obra Patterns of culture (1934) de Ruth Benedict. Obsérvase como, dentro deste estudo comparativo, se revela unha gama completa de roles de xénero contrastantes.

Mead estuda en dous anos (1931 e 1933), xunto co antropólogo neozelandés Reo Fortune, co cal entón estaba casada, tres sociedades diferentes en Nova Guinea: os Arapesh (actualmente Biwat), os Mundugumor e os Tchambuli (actualmente Chambri). Coa información obtida, Mead escribe e publica no 1935 Sexo e temperamento nas sociedades primitivas. Mead estaba interesada en estudar as diferenzas entre homes e mulleres en sociedades moi distintas culturalmente. En cada unha destas tribos a cuestión das diferenzas sexuais forma parte da trama da vida social, e cada unha destas sociedades o desenvolverá dun modo diferente.

Comezaron a súa investigación en Alitoa, un pequeno pobo das montañas do interior de Nova Guinea no que vivía un reducido número de indíxenas, os Arapesh. Aquí destaca o feito de que os papeis sociais que desempeñaban tanto os homes como as mulleres na súa sociedade eran iguais. Ambos compartían os mesmos roles, comportándose con condutas que, dende a perspectiva norteamericana da época, eran consideradas extremadamente femininas, sendo estes individuos protectores, solícitos e cariñosos cos nenos e, ademais, rexeitando todo tipo de agresión, sendo sumamente pacíficos. Os Arapesh entenden as diferenzas entre sexos en termos das implicacións sobrenaturais das funcións de macho e femia, sen esperar manifestacións naturais destas diferenzas nas fortalezas sexuais. Ademais, envolven o tema da paternidade, a cal en Occidente é considerada como especificamente maternal, ese minucioso coidado do neno e a satisfacción de ver o seu progreso cara a madurez.

O seguinte pobo que se estudou foron os Mundugumor, os cales vivían xunto ao río Yuat. Existiu contraste co pobo anteriormente estudado debido á oposición entre ambos os temperamentos. Os Mundugumor eran considerados caníbales e cazadores de cabezas. Dende o inicio da súa vida, segundo Mead, os Mundugumor estaban predispostos á hostilidade e aos conflitos constantes. Un varón deste pobo nacía nunha sociedade na que os membros do seu propio sexo se converten en inimigos. Ademais, para chegar a unha posición de poder e éxito, empregarase a violencia como ferramenta principal. A principal similitude entre ambos os pobos era que, ao igual que non existían diferenzas entre o temperamento dos homes e as mulleres Arapesh, o mesmo pasará con Mundugumor pero, esta vez, o temperamento, percibido dende unha perspectiva occidental da época, concorda máis cuns roles masculinos, nos cales reina a forza e a violencia. Polo tanto, entre os individuos do pobo Mundugumor, o ideal de carácter é idéntico para os dous sexos; tanto homes como mulleres deben ser violentos, batalladores, sexualmente agresivos, celosos. O seu ideal sería o tipo de individuo que os Arapesh consideran incomprensibles.

Finalmente, foi o antropólogo británico Gregory Bateson quen os puxo en contacto coa comunidade Tchambuli, que vivían xunto ao lago Chambri. Neste pobo, homes e mulleres si tiñan personalidades contrastadas, mais destacan por ser inversas ás dos occidentais, sendo as mulleres as figuras dominantes e os homes os de carácter sensible; estes últimos dedicábanse á arte e á actividade cerimonial, mentres que as primeiras ocupábanse, pola contra, da pesca, dos negocios e da xestión dos asuntos comunitarios. E, ademais, eran elas as que levaban a iniciativa nas actividades sexuais. Como consecuencia, aínda que a organización dentro da comunidade Tchambuli é patriarcal, en realidade son as mulleres as que teñen o poder da sociedade nas súas mans.

Aínda que os estudos de Mead recibiron varias críticas por falta de exactitude, o seu propósito á hora de publicar o seu libro era mostrar como os roles sociais non son un fenómeno biolóxico e universal[6]; trátanse estes roles como produtos de diversas construcións sociais.

Obras secundarias editar

Os traballos de campo que realizou durante toda a súa vida en Samoa, Nova Guinea e Balí levárona a publicar un amplo repertorio de obras nas que se pode ver reflectido o carácter reivindicativo feminista que caracterizou a autora durante os seus anos de produción teórica. Do seu estudo de campo en Nova Guinea destácase a obra Educación y cultura en Nueva Guinea, publicada en 1930. Nesta obra, realiza unha análise das técnicas pedagóxicas empregadas na sociedade de Manus, que serven para conseguir, entre outras cousas, que os nenos aprendan a nadar de maneira prematura en comparación coas sociedades occidentais. Tamén, pódese observar como nesta sociedade é o home da familia o que se encarga da educación e o desenvolvemento dos nenos, feito impensable nunha sociedade occidental de principios do século XX, onde era tarefa da muller ocuparse da educación e crianza dos fillos. Outra obra destacable dentro do contexto da sociedade de Manus é a que leva por título Nuevas vidas para lo viejo: transformación cultural en Manus, 1928-1953 publicada no ano 1956. Nesta obra, Mead fai unha análise da evolución a distintos niveis (económico, cultural, tecnolóxico, etc.) que se dan na sociedade de Manus entre as datas 1928 e 1953, facendo especial fincapé en como afectou a segunda guerra mundial a dita sociedade. Á parte das obras que derivaron das investigacións de campo, Margaret Mead publicou obras de diversos tipos, como un relato de carácter autobiográfico titulado Invierno de Mora, do ano 1972, onde relata as súas primeiras experiencias. A autora deu a luz unha gran cantidade de obras fóra das centradas de maneira exclusiva nos traballos de campo e todas elas teñen en común que manteñen a esencia reivindicativa da súa personalidade. Ademais, en todas as súas publicacións aparece o concepto de “xénero”, xa sexa de maneira implícita ou explícita, poñendo de manifesto o recoñecemento da autora como precursora deste.

Obra publicada editar

Como autora única
  • Coming of Age in Samoa (1928)[7]
  • Growing Up In New Guinea (1930)[8]
  • The Changing Culture of an Indian Tribe (1932)[9]
  • Sex and Temperament in Three Primitive Societies (1935)
  • And Keep Your Powder Dry: An Anthropologist Looks at America (1942)
  • Male and Female (1949)[10]
  • New Lives for Old: Cultural Transformation in Manus, 1928–1953 (1956)
  • People and Places (1959; libro para lectores xuvenís)
  • Continuities in Cultural Evolution (1964)
  • Culture and Commitment (1970)
  • The Mountain Arapesh: Stream of events in Alitoa (1971)
  • Blackberry Winter: My Earlier Years (1972; autobiografía)[11]
Como editora ou coautora
  • Balinese character: a photographic analysis, con Gregory Bateson, New York Academy of Sciences (1942)
  • Soviet attitudes toward authority (1951)
  • Cultural Patterns and Technical Change, editora (1953)
  • Primitive Heritage: An Anthropological Anthology, editado con Nicholas Calas (1953)
  • An Anthropologist at Work, editora (1959)
  • The Study of Culture At A Distance, editado con Rhoda Metraux (1953)
  • Themes in French Culture, con Rhoda Metraux (1954)
  • The Wagon and the Star: A Study of American Community Initiative coautora con Muriel Whitbeck Brown (1966)
  • A Rap on Race, con James Baldwin (1971)
  • A Way of Seeing, con Rhoda Metraux (1975)

Notas editar

  1. "Margaret Mead: Human Nature and the Power of Culture". Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América. Consultado o 7 de xaneiro de 2017. 
  2. Horgan, John. "Margaret Mead's bashers owe her an apology". Scientific American. Consultado o 7 de xaneiro de 2017. 
  3. Margaret Mead: biografía de esta antropóloga e investigadora, 2022
  4. A escola “cultura e personalidade” da antropoloxía estadounidense enfoca os problemas antropolóxicos desde unha perspectiva psicolóxica. Ademais de Mead, pertenceron a esta escola Edward Sapir e Ruth Benedict, entre outros. Korsbaek, L. e Bautista, A. “La antropología y la psicología”. CIENCIA ergo-sum, Revista Científica Multidisciplinaria de Prospectiva. [Internet]. Toluca, México, 2006, 13(1), 35-46. Dispoñible en: https://www.redalyc.org/articulo.oa?id=10413105 [data de acceso: 26 de maio de 2022]
  5. “(...) é necesario orientar todos os nosos esforzos educativos a adestrar os nosos nenos para as eleccións que deberán abordar. A educación, no fogar aínda máis que na escola, en vez de constituír a defensa especial dun réxime, unha tentativa desesperada por formar un hábito particular (...) debe ser unha preparación para esas mesmas influencias. (...). Debe ensinarse ás nenas como pensar, non que pensar (…)” (Mead, M., 1993, pp. 226-227)
  6. “Compartía a crenza xeneralizada na nosa sociedade de que existía un temperamento sexual natural que como máximo só podía distorsionarse ou apartarse da súa expresión natural. Non tiña a menor sospeita de que os temperamentos que consideramos innatos dun sexo, podían ser en cambio meras variacións do temperamento humano, e que se pode educar os membros dun dos sexos ou de ambos, para que, con maior ou menor éxito, segundo sexa cada individuo, se acheguen a el.” (Mead, M., 1973, p. 28)
  7. Mead, Margaret (cunha introdución de Mary Pipher) (2004). Coming of Age in Samoa: a psychological study of primitive youth for western civilisation. Nova York: Perennial Classics. ISBN 978-0688050337. 
  8. Mead, Margaret (2001). Growing Up in New Guinea: a comparative study of primitive education. Nova York: HarperCollins. ISBN 978-0688178116. 
  9. Mead, Margaret. The changing culture of an Indian tribe. Consultado o 8 de marzo de 2015. 
  10. Mead, Margaret (2001). Male and Female. Nova York: Perennial. ISBN 978-0060934965. 
  11. Mead, Margaret (cunha introdución de Nancy Lutkehaus) (1995). Blackberry Winter: my earlier years. Nova York: Kodansha International. ISBN 978-1568360690. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Irene Cívico, Sergio Parra e Núria Aparicio (ilustradora). Las chicas van donde quieren. 25 aventureras que cambiaron las historia Editorial Montena, 2019. ISBN: 978-84-1746-064-8

Ligazóns externas editar

  • Vídeo en liña: Margaret Mead and Samoa. Documental sobre a controversia Mead-Freeman, incluíndo unha entrevista cun dos informadores orixinais de Mead (en inglés).